Dime un bo conselleiro: tes que lelo. E entre a viaxe no avión e estas últimas horas alí a vai, unha novela moito máis ca fabulosa: Festina lente, de Marcos S. Calveiro. Algo enredante no principio, faise máis lixeira e cativadora conforme a acción pasa ao primeiro plano e se desviste desas roupaxes de contextualización que a pexan un pouco. As aventuras do encadernador Ambrosio Cavaleiro, a fala dos arxinas e a Compostela do XVI encaixan perfectamente no marco desa ficción sobre o pasado europeo que levamos anos lendo e ulindo. É esta unha novela pra traducir, pra exportar, que se pode vender nas librarías de Copenhague como se fora un código da vinci (en bo), coma un pequeno nome da rosa. Incluso ten un fermosísimo final, que releo sen fartura, e que dá pra unha segunda parte ou unha terceira do manuscrito de tres serpes unidas polo baixo, na historia de todas as épocas, adiante e atrás. Algunhas pegas hai, claro, en nomes de lugares, na falta dun mapa da compostela da época, nunha páxina demasiado chea de franciscos ou nun lavanco que cae do niño cando os lavancos fan os niños ao ras. Ou que nunha novela de encadernadores, o último caderniño se me despegase. Pero se eses son os males, moita é a bondade.
A mensaxe é inequívoca: o nariz atoa, a gorxa estala e incha, os ósos doen a moído e sobe a febre. O corpo telegrafía: hai que liscar canto antes deste país ruidoso e cheo de fume. E despois dunha fin de semana na cama, volto, coa proa dirixida á tranquilidade do fogar.
Inútil lembrar quilómetros, traballos e ferretes. Inútil incluso poñerlles nome ás distintas camas en que durmín. Este mesiño tivo tantos momentos de angustia e de enfado como de leda complicidade. Agora xa son memoria da que non é necesario gardar lembranza.
O meu sobriño de ames naceu xa medrado. O de barrantes aínda esperta cada tres horas pra reclamar alimento. A de Florbela xa di o nome cando llo preguntan. A cadela da Centenaria ten forza (e ganas) de levar a titora no aire. E aínda queda algún por chegar nos vindeiros días e semanas.
Son as criaturas novas, ás que fun enfiando visita día a día, máis atónito eu ca elas: algunhas delas pagaranme a pensión, a outras verémolas competir en circuítos de fórmula 1, e outras soterrarán felizmente ósos frescos. Mentres tanto, ocupan a posición central levando á roda a uns seres que, de non ser por eses olliños cansos e contentos, me custaría recoñecer.
Nesta quincena última na ghalleira percibín algunhas punzadas de ilusión. Algunhas viñéronme da lectura de Una fantasía del doctor Ox, de Jules Verne, editado por unha pequeneira empresa ateniense. Ademais do fantástico e divertido texto, do que vou tocando letra a letra con pracer, está ese belido despropósito que é dar ao prelo un feixe de papel, ben traducido e preparado. A contratempo, si, pero a prol do tempo.
Veño nun bus dende a Centenaria ata humidtown, por unha estreita estrada revirada. Diante miña van dúas nixerianas xogando co móbil. Tamén van un mariñeiro que ten que chegar en bus a oslo pra facer a campaña do bacallau (non hai avións ata aló, explica), e tres rapaces ghevirulos que soben cunha batería en pezas en boiro e baixan en taragoña. O resto divídese entre vellos e supervellos.
Son dúas horas de viaxe: nelas cavilo nos últimos días, nas últimas noites, en todos eses amigos que están aquí e acolá espallados na ghalleira e en que é exactamente o que me une a este horizonte confuso de postes e uralitas e fentos vizosos a piques de arder na Gran Labarada.
A tarde discorre tranquila mentres escribo os posts pendentes neste barrio das aforas de parque-temático-cervantes. Barataria estuda pra un exame mañá, e se se pon atención por debaixo do marmurio da cidade escóitanse cláxons e conversas de patio de luces. De súpeto abre a terra nun estrondo. Un gran berro de emoción e felicidade percorre o barrio: Romanía acaba de marcarlle un gol a Italia.
Sentado na súa cadeira reservada, o pai de Barataria remata de contar a historia do parrandilla. Parrandilla era un neno da súa aldea que medía coma o alto dunha mesa e que non medraba máis. A cada pouco, a súa nai insistía en alongarlle os pantalóns e ía onde a tía Teodora. E a tía Teodora, a costureira, dicía: pero se o Parrandilla non medra, como llos vou baixar?
Enfronte está madre Barataria, dándolle a comida á neta, e non escoita o remate dunha historia que xa coñece porque leva dez días sen pilas nos audífonos. Logo compartimos un arroz con tajás mentres padre Barataria me explica como se lle cambia o aceite a un coche ou dubida que eu sexa capaz de distinguir unha retama. Eu míroos e tento imaxinar toda unha colección de escenas e pasados. Barataria agarda apurado a que acabe todo canto antes. Eles ignoran que eu debería ser importante nas súas vidas e que a miña foto debería estar nesa mesma parede onde están a das vodas de marijose, marival e amparo.
Barataria chámalles cominillos, así, en español: de corpo pequeno, delgadiños, móvense comodamente nos nosos brazos, e pasan dunha postura a outra ao ritmo que nós lle marcamos. Non son especialmente fermosos, pero teñen todo aquilo que é necesario disposto, iso si, nun reducido espazo de corpo, coma un home de futbolín. Este de hoxe, co que me atopo nunha ruidosa, Big Maceda, ten unha pel case perfecta e unha colocación de pelo sobre o corpo que me lembra moito a Barataria. Pero Barataria non está, e desta vez o servizo de asistencia de amor actúa en soidade.
Collo o tren para Big Maceda e o vagón vai case baleiro. Aos cinco minutos, un rapaz lanzal co que xa cruzara olladas e chiscadelas na estación pregúntame se pode sentar ao meu lado. Ergo a vista sobre os demais asentos libres e algo sorprendido dígolle que si, coa previsión de algo de sexo nos baños do vagón.
Pero por desgraza empezamos a falar. Cardeal, chamareino así porque leva o nome do cardeal, era seminarista ata o ano pasado. Agora remata os seus estudos de teoloxía por libre, mentres traballa nunha tenda de mobles e cavila se seguir a carreira de presbítero ou non. El non se sente digno de ser un servidor de Señor porque é unha ovella negra: non di cal é a freba de lá que lle escurece a vida, aínda que ben se poida intuír. A medida que avanzamos nas tres horas de debate sobre a fe e a vida vaise esvaendo a posibilidade de comerlla alí mesmo. Ao final intercambiamos os correos e baixa nunha das vilas do camiño, probabelmente pra sempre.
